A XUNTA INICIA ESTE LUNS NAS RESIDENCIAS DE MAIORES E NOS CENTROS DE PERSOAS CON DISCAPACIDADE A CAMPAÑA DE VACINACIÓN FRONTE Á GRIPE, QUE SE ESTENDERÁ ATA O 31 DE DECEMBRO

A Xunta comezará este luns nas residencias de maiores e nos centros de persoas con discapacidade a campaña de vacinación fronte á gripe e á covid da temporada 2025-2026, que se estenderá ata o vindeiro 31 de decembro.
Nesta primeira fase da campaña inmunizarase nos propios centros, tanto a usuarios como ao persoal destas institucións.
Como en anteriores campañas, as doses da vacina antigripal que recibirán serán as reforzadas. Como novidade, este ano tamén se administrarán as doses de alta carga a todas as persoas desde os 70 anos, debido á evidencia científica acadada co ensaio clínico Galflu que demostrou o incremento da protección nesta poboación.
A Consellería de Sanidade subliña o compromiso da cidadanía galega coa vacinación e, especialmente, das persoas maiores. Na última campaña, Galicia volveu ser líder nas taxas de cobertura tanto en gripe como en covid. De feito, a taxa de vacinación da gripe en maiores de 65 anos en Galicia foi dun 71 %, fronte ao 58,4 % en España.
Vacinación infantil
Outra das novidades da campaña é a ampliación da gripe ata os 11 anos e a posta en marcha dun programa piloto de vacinación escolar, coa aplicación da vacina fronte a gripe por vía intranasal.
A partir do vindeiro 13 de outubro aplicarase a vacina fronte á gripe por vía intranasal en 55 centros educativos para alumnado de 4º, 5º e 6º de educación infantil e de todos os cursos de educación primaria. Búscase chegar a 19.000 nenos de entre 3 e 11 anos, é dicir, nados entre 2014 e 2022.
En función das coberturas de inmunización acadadas, a Xunta avaliará a extensión do proxecto piloto ao resto de centros escolares en futuras campañas de vacinación.
Os centros educativos seleccionados da área sanitaria da Coruña e Cee son CEIP Eusebio da Guarda, CEIP Plurilingüe María Barbeito e Cerviño, CEIP Raquel Camacho e CPR Plurilingüe Fogar de Santa Margarida (A Coruña); CEIP Ramón Otero Pedrayo (A Laracha); CEIP Francisco Vales Villamarín (Betanzos); CEIP Fogar (Carballo); CPR Plurilingüe Andaina (Culleredo); e CPR Plurilingüe Hijas de Cristo Rey (Oleiros).
Na área sanitaria de Ferrol os centros educativos participantes no programa son o CEIP Plurilingüe San Xoán de Filgueira e o CPR Plurilingüe Sagrado Corazón, ambos no concello de Ferrol.
Colexios pertencentes á área sanitaria de Lugo, Monforte de Lemos e A Mariña: CEIP Plurilingüe Vista Alegre (Burela); CPI Plurilingüe Virxe do Monte (Cospeito); CPI Plurilingüe Dr. López Suárez (Friol); CEIP Plurilingüe Lagostelle (Guitiriz); CEIP Luís Pimentel e CPR Plurilingüe San José (Lugo); CPR Plurilingüe Nuestra Señora de la Asunción (Sarria); EEI Vilalba (Vilalba); e CPR Plurilingüe Landro (Viveiro).
Centros seleccionados na área sanitaria de Ourense, Verín e O Barco de Valdeorras: CPR Pablo VI Fátima (A Rúa); CPI Plurilingüe Antonio Faílde (Coles); CPI Terras de Maside (Maside); CEIP Plurilingüe Calvo Sotelo e CPR Plurilingüe Sagrado Corazón (O Carballiño); CPR Plurilingüe Miraflores (O Pereiro de Aguiar); CEIP Plurilingüe Irmáns Villar e CPR Plurilingüe Divina Pastora (Ourense); CPR Plurilingüe María Inmaculada (Verín); e CEIP Carlos Casares (Xinzo de Limia).
Na área sanitaria de Pontevedra e O Salnés os centros escolares que participan no programa piloto son: CPR Sonrisas y Lágrimas (A Illa de Arousa); CEIP San Tomé (Cambados); CEIP A Xunqueira II e EEI Concepción Crespo Rivas (Pontevedra); e CEIP Plurilingüe Arealonga e CPR Plurilingüe Sagrada Familia (Vilagarcía de Arousa).
Na área sanitaria de Vigo os colexios escollidos son: CRA María Zambrano (O Rosal); CPR Plurilingüe Lar (Mos); CRA Raíña Aragonta (Salceda de Caselas); CEIP Plurilingüe Infante Felipe de Borbón (Salvaterra de Miño); e CEIP Plurilingüe García Barbón, CEIP Plurilingüe Pintor Laxeiro, CPR Plurilingüe Santiago Apóstol e EEI Vila Laura (Vigo).
Por último, na área sanitaria de Santiago de Compostela e Barbanza os colexios participantes no programa piloto de vacinación nos centros escolares son: CPR Plurilingüe Nosa Señora de Lourdes (A Estrada); EEI do Milladoiro (Ames); CPR Plurilingüe Nosa Señora do Rosario (Arzúa); CEIP Xesús Golmar (Lalín); CEIP Plurilingüe O Coto (Negreira); CEIP Alfonso D. Rodríguez Castelao (Ordes); CEIP Plurilingüe do Camiño Inglés (Oroso); CPR Plurilingüe Nosa Señora Inmaculada (Santa Comba); CEIP das Fontiñas e CPR Plurilingüe La Salle (Santiago de Compostela); e CPR Plurilingüe María Inmaculada (Silleda).
Para o resto de nenas e nenos de 6 meses a 11 anos, a vacinación facilitarase no seu centro de saúde.
Do mesmo xeito, esta campaña non será preciso recorrer á apertura de grandes recintos e todas as persoas chamadas a vacinarse poderán facelo no seu centro de atención primaria.
Está previsto que as persoas maiores de 70 anos comecen a ser citadas a partir do 20 de outubro.