A XUNTA LICITA POR 1,4 M€ A COMPRA DE VACINAS ANTIGRIPAIS ESTÁNDAR PARA A PRÓXIMA CAMPAÑA

A Xunta, a través da Consellería de Sanidade, publica no Portal de Contratos Públicos a licitación por 1.401.400 euros do subministro sucesivo das vacinas antigripais inactivadas de virus fraccionados ou de antíxenos de superficie (H y N) ou análogas, que conteñan 4 cepas de virus de la gripe, para a súa administración en persoas de 6 meses en diante.
A vacina da gripe reformúlase todos os anos debido ás variacións que se producen nos virus gripais, co obxectivo de que concorden o máis posible os virus incluídos na vacina cos virus circulantes. Polo tanto, todas as vacinas deben conter as cepas especificadas pola Organización Mundial da Saúde (OMS).
Desta forma, a Dirección Xeral de Saúde Pública valora as recomendacións das distintas organizacións sanitarias e sociedades científicas para planificar a adquisición de tres tipos de vacinas.
Por unha banda, a vacina denominada estándar, que é obxecto deste contrato, e que se utilizará na campaña 2025-2026 na poboación entre 6 meses e 69 anos que non teña indicada outra vacina. O presente contrato prevé a subministración de 350.000 doses. As empresas interesadas teñen ata o 19 de maio para a presentación das súas ofertas.
Por outra banda, a Consellería de Sanidade adquirirá a vacina antigripal de virus atenuados e de administración intranasal, ademais da vacina inactivada reforzada, que se utilizará por primeira vez en persoas de 70 a 79 anos, ademais de nos maiores de 80 e nas persoas con 60 ou máis anos que vivan en centros sociosanitarios.
En canto á vacina reforzada, o Consello da Xunta autorizou recentemente reservar máis de 7,2 millóns de euros á súa adquisición por acordo de risco compartido baseado en resultados en saúde. Deste xeito Galicia vai ser a primeira rexión a nivel mundial en impulsar un sistema que permite axustar o prezo das doses en función da súa capacidade para reducir as hospitalizacións por gripe.