Ir o contido principal

A XUNTA ORGANIZA EN VIGO UN TALLER FORMATIVO PARA PERSOAL MUNICIPAL E INSPECTOR DE SAÚDE PÚBLICA SOBRE A PREVENCIÓN E O CONTROL DO MOSQUITO TIGRE

Imaxe
20250911_formación_mosquito_Tigre_Vigo_20250911170752.jpeg

A Consellería de Sanidade, a través da Escola Galega de Saúde Publica, impartiu en Vigo unha xornada formativa teórico-práctica a persoal dos concellos interesados en colaborar coa Rede Galega de Vixilancia de Vectores (Regavivec) co obxectivo de capacitar ao seu persoal nas tarefas de colocación de trampas e na recollida de mostras para a identificación do mosquito tigre. 

Ao taller, celebrado no salón de actos da delegación territorial da Xunta en Vigo, tamén asistiu persoal inspector farmacéutico de saúde pública da Consellería.

Deste modo, persoal técnico da Consellería de Sanidade e un equipo de entomólogos da Universidade de Vigo trasladaron os coñecementos e os materiais precisos para levar a cabo a vixilancia do ovos, larvas e exemplares de mosquito tigre adulto que detecten nas súas localidades. Tanto no referente á captura como ao manexo e traslado ao laboratorio da Universidade de Vigo.

Concellos como Bueu, O Porriño, Redondela, Tomiño ou Vigo participaron nesta actividade formativa na cal se abordaron o ciclo biolóxico da especie Aedes Albopictus e as principais medidas de vixilancia e prevención, co obxectivo de que os participantes poidan elaborar os seus propios programas de xestión municipal. 

As accións de prevención e a concienciación cidadá destacaron como as principais medidas para controlar a extensión deste vector de enfermidades como os virus do dengue, chikungunya ou zika.

Reforzo do control

A Rede Galega de Vixilancia de Vectores reforzará a vixilancia desta especie nos concellos nos que se detectaron exemplares de mosquito tigre este ano, Mos e Bueu. Ademais, estenderá o control aos municipios lindeiros, coa fin de determinar a súa extensión. 

Por este motivo, durante o taller tamén se lle fixo entrega de material aos concellos asistentes para realizar o trampeo de vixilancia do mosquito tigre nestas zonas.

O próximo mércores, 17 de setembro, realizarase unha segunda convocatoria, en Santiago de Compostela, no salón de actos do edificio administrativo de San Lázaro, tamén orientada ao persoal dos concellos e ao persoal inspector farmacéutico de saúde pública.