A XUNTA PARTICIPA NA AUDITORÍA EUROPEA SOBRE OS SISTEMAS DE CONTROL ALIMENTARIO QUE REXEN A PRODUCIÓN PESQUEIRA DO BRASIL
O xefe do servizo de Seguridade Alimentaria da Consellería de Sanidade, José Ángel Viñuela, foi invitado pola Comisión Europea a participar como experto nacional nunha auditoría oficial sobre os sistemas de control que rexen a produción de produtos pesqueiros destinados á exportación á Unión Europea.
A auditoría que se está a desenvolver no Brasil, finalizará o vindeiro 19 de xuño e realizarase integramente sobre o terreo. O seu obxectivo é avaliar os sistemas de control implantados neste país suramericano para garantir a seguridade e idoneidade dos produtos da pesca exportados ao mercado comunitario, en cumprimento da normativa europea.
Os produtos alimentarios importados á Unión Europea deben cumprir os mesmos requisitos e estándares de seguridade alimentaria esixidos aos elaborados nos Estados membros.
As auditorías organizadas pola Comisión Europea en terceiros países permiten verificar que os sistemas de control oficiais aplicados polos países exportadores ofrecen garantías equivalentes ás establecidas pola normativa comunitaria, asegurando así a protección da saúde das persoas consumidoras e unhas condicións de competencia equitativas para os produtores europeos.
A designación dun experto nacional galego para esta misión pon de manifesto o recoñecemento, a experiencia e a capacitación técnica dos profesionais da Xunta de Galicia no ámbito do control oficial de alimentos, especialmente no sector pesqueiro e acuícola, dúas áreas de importancia estratéxica para a economía de Galicia.