Ir o contido principal

A XUNTA PUBLICA A ORDE DE CREACIÓN DO CONSELLO TÉCNICO ASESOR DOS PROGRAMAS DE DETECCIÓN PRECOZ DE CANCRO, QUE FACILITARÁ A PARTICIPACIÓN DA SOCIEDADE NA COORDINACIÓN DOS CRIBADOS ONCOLÓXICOS

Imaxe
Imagen_Recurso_DOG_20260623102521.jpeg

A Xunta publica, no Diario Oficial de Galicia, a orde pola que se crea o Consello Técnico Asesor dos Programas de Detección Precoz de Cancro, un órgano colexiado de carácter consultivo que facilitará a participación da sociedade na coordinación dos cribados oncolóxicos, ademais de servir de espazo de análise e apoio experto.

Mediante esta iniciativa, a Xunta dá un novo impulso á loita contra o cancro, posto que, ademais de contar coa representación dos pacientes, o novo consello reunirá profesionais de diferentes ámbitos para fortalecer a mellora continua dos programas de cribado, o que suporá máis participación na coordinación, máis coñecemento e mellores decisións para salvar vidas.

Este consello técnico contribuirá, así mesmo, a incorporar con maior rapidez os avances científicos e tecnolóxicos aos programas de detección precoz, co que a prevención se sitúa no centro da sanidade galega.

Esta nova iniciativa da Xunta é un paso máis para coordinar as propostas de mellora no eido de todos os cribados oncolóxicos, creando unha visión común e integrada para mellorar a eficacia dos programas de detección precoz.

Así mesmo, esta medida suporá máis confianza para a cidadanía e máis calidade para o sistema sanitario, posto que o novo órgano reforzará a avaliación dos programas e favorecerá unha maior participación nos cribados.

A Consellería de Sanidade publica a orde de creación deste novo consello asesor, que consta de 15 artigos, unha disposición adicional e unha derradeira.

Coordinación asistencial 

Os programas de detección precoz permiten identificar determinados cancros en fases iniciais, o que incrementa as posibilidades de tratamento con éxito, mellora o prognóstico e contribúe a reducir a carga asistencial e social da enfermidade.

En consecuencia, o novo consello nace para ofrecer unha visión técnica cualificada sobre a estratexia, implantación, seguimento e avaliación dos programas de cribado, integrando coñecemento de diferentes perfís profesionais e favorecendo a coordinación entre ámbitos asistenciais, especialmente entre a atención primaria, a hospitalaria e saúde pública.

O consello que se crea contará cunha presidencia, unha vicepresidencia, unha secretaría e 11 vogalías designadas entre perfís expertos en epidemioloxía, oncoloxía, medicina preventiva, xenética e outras áreas vinculadas aos programas de detección precoz, ademais da representación de pacientes. Deste xeito, garántese unha visión plural, interdisciplinar e orientada á mellora continua. O nomeamento das persoas integrantes será por un período inicial de tres anos.

Coa creación deste Consello Técnico Asesor, a Xunta dá cumprimento ao compromiso adquirido cos representantes da Asociación Española contra o Cancro en Galicia.

Funcións

O Consello formulará informes, propostas, recomendacións e memorias anuais, ademais de promover a formación e a información a profesionais, persoas usuarias e familias. Xunto ao anterior, impulsará a investigación e revisará a avaliación global dos programas de cribado, para propoñer modificacións cando sexa necesario.

Tamén poderá traballar a través de grupos específicos e contar con persoas expertas convidadas, o que lle dará flexibilidade para abordar cuestións concretas con maior profundidade técnica.

Para avanzar na transparencia e na implicación das persoas usuarias, divulgaranse os informes e recomendacións do Consello a través do Observatorio de Saúde Pública de Galicia​.

Os programas de detección precoz de cancro levan anos implantados en Galicia como instrumentos fundamentais de saúde pública, con especial relevancia na detección precoz do cancro de mama, colorrectal e cérvix, aos que hai que engadir os proxectos piloto de detección precoz de cancro de próstata e pulmón, que están a amosar resultados moi positivos, coa detección dunha alta porcentaxe de casos en fases temperás