A XUNTA PUBLICA AS SUBVENCIÓNS CONCEDIDAS AOS PROXECTOS DE SAÚDE PÚBLICA NO CAMPO DO VIH/SIDA E OUTRAS INFECCIÓNS DE TRANSMISIÓN SEXUAL
O Diario Oficial de Galicia publica, na súa edición de hoxe, as subvencións concedidas pola Consellería de Sanidade a proxectos de saúde pública no campo do VIH/sida e outras infeccións de transmisión sexual realizados na comunidade por entidades sen ánimo de lucro.
Coa orde de axudas actual, por importe total de máis de 990.000 euros, o Executivo galego aumentou a contía en preto de 90.000 euros con respecto da anterior. Tamén se ampliou ata 12 o número de proxectos que se poden subvencionar.
Foron beneficiarios das axudas 2025-2028, o Comité Antisida da Coruña (Casco), cunha subvención de 156.926 euros; a Fundación Érguete Integración, con 93.989 euros; o Comité Cidadán Antisida de Ourense, que recibiu 98.102 euros; Ecos do Sur, con 86.767 euros; Cáritas Diocesana de Santiago de Compostela, 89.995 euros; Asociación Aliad Ultreia, 82.682 euros; Asociación Faraxa pola abolición da prostitución, 68.639 euros; Médicos do Mundo, 86.228 euros; Alas Coruña, 64.377 euros; Comunidade de Oblatas do Santísimo Redentor, Ferrol, 58.723 euros; Asociación galega de afectados polo VIH/Sida (Agavih), 54.473 euros; e Apoyo Positivo, 49.521 euros.
Impulso das accións de saúde pública
A infección polo virus de inmunodeficiencia humana (VIH) e a síndrome de inmunodeficiencia adquirida (SIDA) constitúen un problema sociosanitario de primeira magnitude a nivel mundial. En Galicia rexistráronse melloras nos últimos anos, pero é preciso continuar co impulso das accións de saúde pública encamiñadas a facer fronte a este problema.
O programa de axudas está destinado a apoiar proxectos de entidades privadas sen ánimo de lucro que participan, xunto coa Consellería de Sanidade, no esforzo global anti VIH/SIDA. Deste xeito, achégase financiamento a proxectos priorizados de acción de saúde pública que realizan estas entidades neste campo.
Trátase de proxectos dirixidos a colectivos vulnerables, principalmente, persoas mozas, colectivo LGTBI ou persoas na contorna da prostitución, entre outras.
Diagnóstico e tratamento precoces
O financiamento dos proxectos subvencionados favorece o achegamento aos servizos sanitarios e sociais públicos das persoas con prácticas de risco para a transmisión do VIH e doutras infeccións de transmisión sexual e que teñen dificultades de acceso a estes servizos.
Este achegamento posibilita o diagnóstico e tratamento precoces, o que redunda nunha maior calidade e esperanza de vida das persoas afectadas, na redución dos custos sanitarios do tratamento e seguimento médico destas persoas e, ademais, no mellor control do posible espallamento destas infeccións na sociedade galega.
As entidades privadas sen ánimo de lucro colaboran coa Dirección Xeral de Saúde Pública da Consellería de Sanidade participando na difusión de información preventiva do VIH e outras infeccións de transmisión sexual; na promoción do uso do preservativo mediante a súa distribución gratuíta; en actividades para favorecer o acceso ao sistema sanitario e social das persoas con VIH en situación de marxinación social; na información e realización das probas rápidas e anónimas de VIH, ou en actividades sociosanitarias como a atención a domicilio, atención ás persoas coidadoras, etc.
Cómpre remarcar que, en Galicia, rexistráronse 3.385 casos de persoas infectadas polo VIH entre os anos 2004 e 2023, cunha media de 169 infeccións anuais, o que representa unha incidencia anual de 6,15 casos por 100.000 habitantes (por debaixo da incidencia do conxunto de comunidades autónomas, que foi de 9,6 casos).
A partir de 2012 en Galicia obsérvase unha clara diminución de casos de infección. En 2023, concretamente, o número de casos novos por 100.000 habitantes caeu ata os 4,3 mentres que no conxunto de España foi de 7,4.
Con estas axudas, o Goberno galego incide no seu compromiso coa eliminación do VIH no ano 2030 e tamén coa mellora da calidade de vida dos pacientes.