Ir o contido principal

A XUNTA SITÚA EN NIVEL VERMELLO A ALERTA POR EPISODIO DE CALOR NO MIÑO DE PONTEVEDRA E EN VALDEORRAS

Imaxe
mapa_20250804143246.jpg

O Plan de Actuacións da Xunta de Galicia fronte aos posibles efectos das altas temperaturas sobre a saúde sitúa en nivel vermello os concellos das zonas isoclimáticas do Miño de Pontevedra e de Valdeorras, en Ourense.                                                                 

Ademais, os concellos das Rías Baixas, que se corresponden coas zonas isoclimáticas do suroeste da Coruña e do litoral de Pontevedra, están en nivel laranxa. Pola súa parte, en nivel 1 ou amarelo quedan a zona do Miño de Ourense, sur de Ourense e montaña de Ourense.

Hoxe luns Meteogalicia informa de que calma o vento do nordés e soben as temperaturas no centro e no sur da comunidade. Mañá martes volve activarse o nordés e haberá un descenso térmico máis acusado na metade norte.

Suspensión da actividade deportiva federada no exterior

No caso do deporte, a Xunta, a través da Secretaría Xeral para o Deporte, determinou a suspensión da actividade deportiva federada no exterior por mor da alerta por episodio de calor na xornada de hoxe en concellos das Rías Baixas e do interior de Pontevedra, así como do suroeste da provincia da Coruña e de Valdeorras:

-Suroeste da Coruña: Boiro, Dodro, Lousame, Muros, Noia, Outes, Padrón, A Pobra do Caramiñal, Porto do Son, Rianxo, Ribeira, Rois;

-Valdeorras: O Barco de Valdeorras, Larouco, Petín, A Rúa, Rubiá, Vilamartín de Valdeorras;

-Miño de Pontevedra: Arbo, Crecente, A Guarda, Mondariz, Mondariz-Balneario, As Neves, O Porriño, Ponteareas, O Rosal, Salceda de Caselas, Salvaterra de Miño, Tomiño, Tui;

-Litoral de Pontevedra ou Rías Baixas: Barro, Baiona, Bueu, Caldas de Reis, Cambados, Cangas, Catoira, Gondomar, O Grove, A Illa de Arousa, Marín, Meaño, Meis, Moaña, Mos, Nigrán, Oia, Pazos de Borbén, Pontevedra, Portas, Poio, Ponte Caldelas, Pontecesures, Redondela, Ribadumia, Sanxenxo, Soutomaior, Valga, Vigo, Vilaboa, Vilagarcía de Arousa, Vilanova de Arousa;

Interior de Pontevedra: Agolada, Campo Lameiro, A Cañiza, Cerdedo-Cotobade, Covelo, Cuntis, Dozón, A Estrada, Forcarei, Fornelos de Montes, Lalín, A Lama, Moraña, Rodeiro, Silleda e Vila de Cruces. 

Na web de Meteogalicia atópase a información actualizada, así como a evolución temporal, premendo sobre o nome de cada zona:

http://www.meteogalicia.gal/web/predicion/calor

O Plan de Actuacións da Xunta de Galicia fronte aos posibles efectos das altas temperaturas sobre a saúde, está dispoñible na ligazón:

https://airesaude.sergas.gal/Contidos/CC_Recomend_calor?idioma=ga​ 

Recomendacións xerais para a poboación

Os principais grupos de risco ante os efectos da calor son: persoas maiores de 65 anos e nenos menores de 4 anos, sobre todo os menores dun ano; persoas que padecen patoloxías: enfermidades cardiovasculares (enfermidade cerebrovascular, insuficiencia cardíaca, arteriopatía periférica), diabetes mellitus, enfermidade pulmonar obstrutiva crónica, insuficiencia renal, enfermidade de párkinson, enfermidade de Aazheimer ou patoloxías similares, enfermidade psiquiátrica; persoas que tomen determinados fármacos ou tóxicos: fármacos con efecto anticolinérxico, diuréticos, consumo importante de alcol, etc.; e persoas en determinadas situacións: maiores que viven sós, persoas de risco que viven en vivendas mal acondicionadas, persoas con exceso de peso ou peso excesivamente baixo, traballadores, deportistas ou aquelas que pasan varias horas en exteriores, etc.

A Consellería de Sanidade lembra os principais consellos e recomendacións que debe seguir a poboación: beber máis líquidos sen esperar a ter sede, sobre todo auga e zumes de froita lixeiramente fríos; evitar bebidas quentes, alcohólicas, café, té ou cola e as moi azucradas; aumentar o consumo de ensaladas, verduras e froitas; evitar comidas copiosas; comer menos cantidade e máis veces ao día; manter os alimentos no frigorífico e vixiar sempre as medidas hixiénicas; usar roupa de tecidos naturais, lixeira e folgada, de cores claras, sombreiro, lentes de sol e cremas protectoras solares, así como calzado fresco, cómodo e que transpire; permanecer en espazos ventilados ou acondicionados e estar á sombra; utilizar as habitacións máis frescas da vivenda; durante o día baixar as persianas e abrir as xanelas, abrilas pola noite para ventilar; evitar as actividades ao aire libre nas horas de máis calor e reducir a actividade física; e cando se estacione o coche, non deixar no interior nenos, nin anciáns coas xanelas pechadas.

No caso de sufrir esgotamento ou un golpe de calor, recoméndase solicitar axuda médica urxente chamando ao 061.

Mentres chega a asistencia, pódese tentar baixar a temperatura do afectado trasladándoo á sombra ou a un lugar fresco e tranquilo, arrefriarlle o corpo, mollar con auga fresca e abanar e hidratar sempre que estea consciente, dándolle pequenos grolos de auga fresca ou bebidas minerais. 

Se está inconsciente, cómpre deixalo de lado coas pernas flexionadas e non ofrecerlle líquidos.